Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

OLLA POLO BURATIÑO

22/02/2007 GMT 1

Un regaliño...poemas.

nisesa @ 20:00

nieves_de_pe.BMP CANTIGA DE NEVES

Amolecida a noite
fina a garganta,
soa a cantiga leda
e un bardo canta.

Flor das camelias,
rosa de cedo.
Pases por onde pases
pasa sen medo.

Teño unha roseira branca
atada nun lazador,
vaise camiño de As Pontes
feita canción.

Para levarcha á noite
pola ventá,
fendida en sete cachos
dunha mazá.

Pala levarcha quero,
feita e composta.
Una cantiga leda
da miña boca.

Na miña boca posta,
baixa do castro,
a canción queda presa
dun alabastro.

O carballo pequeno,
sombra e testigo,
do cantar alimeiro
que vai contigo.

Canas de centeo,
canas de trigo,
brancas follas primeiras
e graos de millo.

Rosa das camelias
flores de cedo.
Pases por onde pases,
pasa sen medo.

Branca neve, de Neves;
neves que pousan,
ollos verdes de Neves
mirando escoitan.

Neve branca, de Neves;
Neves e rosas,
a cantiga de Neves,
flor de mimosas.

Rosa das camelias,
flores perennes;
canta As Pontes por xunto,
canta con Neves.
Un poeta (12-01-06)

Polo correo do vento...(poema)

nisesa @ 19:44

viento.jpg

POLO CORREO DO VENTO
Polo correo do vento
Mándoche a miña canción,
nun sobre de sentimento
que asinei co corazón.

Escribín liña por liña
á luz da miña saudade,
no colo dunha estreliña.

-A esa hora no Valiño
se cadra, a sombra das árbores
morrerá sobre o camiño..._

Ao acaba-la canción,
sequei a tinta, inda verde,
co pó da miña emoción.

E, logo funa botar,
ás altas horas da noite,
polo buzón do luar...

-Estaba todo calado,
no buzón había unha carta
dun luceiro namorado.

Máis tarde sentín pasar
ó peatón dunha nube
co correo do luar..._

... Cando por aí pase o vento,
Terriña do corazón,
nun sobre de sentimento
darache a miña canción...

(Iglesias Alvariño, A.)<

As floriñas dos toxos

nisesa @ 19:32

Floriñas de toxo

AS FROLIÑAS DOS TOXOS

¡Nin rosiñas brancas, nin claveles roxos!
Eu venero as froliñas dos toxos.

Dos toxales as tenues froliñas,
que sorríen, a medo, entre espiñas.

Entre espiñas que o ceo agasalla
con diamantes as noites que orballa.

¡Oh do ermo preciado tesouro!:
as froliñas dos toxos son de ouro.

De ouro vello son, mai, as froliñas
dos bravos toxales, ¡das devocións miñas...!

(Noriega Varela, A)

Contactar co autor | Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis